Normativa do material

Nesta páxina poderás consultar a normativa para o uso do material do club.


A QUEN SE PRESTA: O material é de uso exclusivo para os socios, e non se debe ceder o seu uso a persoas alleas ao Club, salvo por decisión da Xunta Directiva no caso de que aquelas estean a participar nunha actividade do Club.
Os socios sempre terán preferencia sobre os non-socios, e as actividades do Club terán preferencia absoluta sobre as persoais, en canto ao uso do material.
Non obstante, aos socios que incumpran as presentes normas poderáselles denegar ou limitar o Servizo de Préstamo de Material.

SOLICITUDES: faranse por cada socio interesado, a través de correo electrónico ou teléfono. A continuación formalizaranse no modelo disposto. Se as solicitudes exceden das existencias de material, a Xunta Directiva priorizará aqueles socios que dispuxesen do material menos veces, e en caso de empate, terá prioridade que o solicitase primeiro.
O préstamo de material farase de xeito gratuíto. Non obstante, nalgúns casos poderá establecerse o depósito de determinada cantidade en concepto de fianza, para sufragar os gastos de substitución de material por deterioración debido ao seu uso.

RECOLLIDA E ENTREGA DO MATERIAL: farase en día e lugar acordado na aprobación da solicitude de préstamo. O socio ao recoller o material, deberá proceder ao seu exame, notificando as anomalías se as houber, xa que á súa entrega será responsable dos danos que presente. Valorando ademais se é apto para o seu uso na actividade que vai facer e baixo a súa responsabilidade.
Se o socio non entrega o material na data indicada (salvo acordo ou causa xustificada), isto podería levar consigo que non se lle atendan futuras solicitudes.

DETERIORACIÓN, PERDA OU ROUBO DO MATERIAL: o material debe ser devolto no mesmo estado en que se recolleu, permitíndose unicamente unha deterioración moderada debido ao uso normal deste. En caso de rotura, o socio deberá reparalo ou substituílo pola súa conta. En caso de extravío ou roubo, o socio deberá repoñelo. Substituirase ou repoñerase en calquera caso por outro novo de similares características e marca. No caso de roubo, ademais, deberá entregarse unha copia da correspondente denuncia formulada ante a autoridade competente.

PRAZOS: con carácter xeral prestarase o material durante o tempo necesario, pero non superior a 15 días, salvo que existan circunstancias especiais, en cuxo caso se poderá pedir unha prórroga por outros 15 días.

RESPONSABILIDADE: o Club non se fai responsable dos accidentes que puidesen acontecer polo uso inadecuado ou pola falta de coñecementos dos socios ao utilizar o material prestado.

Todo aquilo non previsto na presente Normativa será resolto pola Xunta Directiva do Club.

Esta Normativa é susceptible de ser modificada en calquera dos seus puntos. Os cambios deben aprobarse en Asemblea e entrarían en vigor no instante da súa exposición na páxina web do Club.