« Voltar

Desfiladeiro de Bustelín - Íbias

Última actualización
24/05/2017

INFORMACIÓN DA ZONA

A proposta do club para o segundo fin de semana de xuño, desenvólvese en dúas zonas limítrofes do territorio asturiano, ben diferentes entre si por razón da súa morfoloxía xeolóxica, delimitadas polas concas dos ríos Navia e Narcea, nos concellos de Ibias e Cangas del Narcea.

O río Navia nace en Galicia, nas inmediacións de Pedrafita do Cebreiro e desemboca en Navia, en territorio asturiano. Na zona que visitaremos, o río é fronteira natural entre as provincias de Lugo e Asturias estando marcado nesa zona polo encoro de Grandas de Salime cuxa presa se sitúa bastantes quilómetros máis ao Norte seguindo o percorrido encaixonado do río. A cola do encoro está situada precisamente nesta zona que visitamos xa hai uns anos (2013), con motivo da ruta de Liñares de Bidul á ponte de Vilabol, en terreo do concello de A Fonsagrada, na provincia de Lugo.

Nesta ocasión o noso percorrido realizarase polo angosto val xerado polo río Bustelín e o Arroio do Río das Valías, afluente do primeiro e que termina vertendo as súas cristalinas augas no Navia.

A ruta do domingo transcorre, en cambio, polo val do Narcea. Entre ambas as zonas xeográficas destácase o parque natural da reserva de Muniellos. A morfoloxía do terreo cambia profundamente respecto do que vimos nas ladeiras do Navia. Atopámonos un territorio máis uniforme composto de fortes desniveis pero pouco escarpados, con abundantes zonas agrícolas e de pastoreo. Os innumerables arroios e escorrentías verten todos no Narcea, camiño do Cantábrico.

Cangas del Narcea é o concello de maior superficie da comunidade autónoma do Principado de Asturias e un dos maiores de España. Está situado ao suroeste do Principado, no corazón da denominada Porta de Asturias. A súa capital é Cangas del Narcea, que é atravesada polo río Narcea do que procede o seu nome (val do Narcea) e polo río Naviego (Luíña). Ata os anos 30 do século XX o seu topónimo era Cangas de Tineo, sendo o río Narcea o que lle deu o novo nome.

Danse carballeiras e faiais nas alturas e moitas matogueiras de tezo e acivro. Máis abaixo hai abeleiras e freixos, escoba, brezo e felgos.


ALOXAMENTO E PREZOS

Aloxarémonos no Hotel Peña Grande, situado a 2 km. do núcleo urbán de Cangas de Narcea. Durmiremos en habitacións dobres, con baño en cada habitación.

Haberá unha parada para tomar o almorzo en A Fonsagrada e alí teremos a posibilidade de mercar pan ou bocadillos para o xantar do primeiro día que corre por conta de cada un.

Lembrámosvos que o número de prazas, como sempre, é limitado e estableceuse en 35 persoas. Por favor, levade coidado á hora de facer os ingresos para evitar despois problemas na adxudicación de prazas que, como xa imaxinades, se fará por estricta orde de recepción do ingreso. O prezo será de 100€ para os socios, 125€ para os non socios federados e 130€ para os non socios non federados, que se aboarán do seguinte xeito:

  • ingreso en conta da cantidade total, para apuntarse, antes do 6 de xuño.

O ingreso pode empezar a facelo todo o mundo a partir deste intre e os socios non terán preferencia na asignación de prazas.

A saída farémola na mañá do sábado e os lugares e horarios de parada do bus, son os seguintes:

LUGAR HORA
O Ventorrillo 07:25 h
Fogar de Santa Margarita 07:30 h
San Pedro de Mezonzo 07:35 h
Parada bus Gaiteira (en fronte Citroën) 07:40 h
Parada bus Os Castros (en fronte Igrexa do Carme) 07:45 h
O Burgo (en fronte Servizos Múltiples) 08:00 h

PROGRAMA PREVISTO DE ACTIVIDADES

10/06/2017

1º DIA (SAB)

 

CHEGADA SOBRE AS 11:30
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 11:30
Ruta: DESFILADEIRO DE BUSTELÍN
CHEGADA AO HOTEL ÁS 20:30
CEA ÁS 21:30

11/06/2017

2º DIA (DOM)

 

ALMORZO ÁS 08:00
SAÍDA PARA A RUTA ÁS 08:45
Ruta: LAGOAS DE CAPDEVILLA
SAÍDA PARA CORUÑA ÁS 16:00
CHEGADA A O BURGO SOBRE AS 21:00

DESFILADEIRO DE BUSTELÍN 

Esta ruta, denominada PR-AS 27, transcorre integramente no concello de San Antolín de Ibias, nas escarpadas ladeiras do río Bustelín que verte augas no río Navia.

O bus deixaranos nas proximidades da ponte de Boabdil, na estrada que desde A Fonsagrada, comunica este concello co de S. Antolín de Ibias e Cangas del Narcea.

Comeza a ruta na provincia de Lugo, atravesando unha espectacular ponte colgante sobre o encoro de Grandas de Salime para acceder ao pobo de Riodeporcos, xa en terreo asturiano. Iremos ascendendo de maneira paulatina pero continuada pola ladeira do río entre abundante vexetación e escarpado terreo de lousa pouco estable, que dificulta o paso nalgúns puntos. A senda é estreita polo que imos camiñar a maior parte do tempo en fila da un, de aí o seu nome: desfiladeiro.

De Riodeporcos a Bustelín a ruta comparte o mesmo camiño de ida que de regreso. Será a partir desta aldea onde nos desviaremos para completar unha ruta circular entre o río Bustelín e o Arroio do Río das Valías. Pasaremos por aldeas abandonadas: Bustelín, ou semiabandonadas: Penedela (1 veciño), Peneda e Busto para regresar de novo ao pobo de Bustelín e de aí a Riodeporcos despois dunhas 6 horas de camiñada. Alcanzamos a máxima altura na aldea de Peneda onde trataremos de tomar un refrixerio para afrontar o segundo tramo do percorrido, xa en descenso de novo cara ao río.

Atravesaremos varios arroios e acompañaranos en todo o camiño flora de carballos, faias, alcornoques, madroños, piñeiro e abundante matogueira de uz e xesta de intensa cor lila, branco e amarelo. Dada a escasísima poboación desta zona, tan só escoitaremos o son da natureza e a conversación dos compañeiros durante a maior parte do percorrido.

Aínda que a primeira parte (e a última) transcorre ao amparo da vexetación próxima ás ladeiras do río Bustelín, non ocorre o mesmo na parte alta, polo que é importante protexerse do sol (se é o día) e levar abundante auga, aínda que atoparemos algún punto de subministración (Lugar de Peneda) ao longo do percorrido.

Cruzando de novo a ponte colgante sobre o encoro de Salime desandaremos o quilómetro que nos separa de onde nos deixou o bus, nas proximidades da ponte de Boabdil.

LAGOAS DE CAPDEVILLA 

Regresaremos cara a Cangas del Narcea onde tomamos a estrada AS-15 en dirección a Degaña e á altura de Ventanueva desviarémonos á esquerda, para acceder ao pobo de Posada de Rengos, onde comeza a ruta.

Alí debe tomarse a senda que leva cara ao miradoiro da Fervenza de Auga Branca, onde o regueiro Ruicueva se precipita en busca das augas do Narcea. Desde o miradoiro, o itinerario prosegue a beiras do regueiro, onde se colle unha senda ascendente ata o aparcadoiro da ermida de San Luis del Monte. Tras a visita á ermida, é necesario desandar unha parte do camiño percorrido para tomar a pista que descende cara ao regueiro da Trapa.

Alcanzado este, o itinerario toma á esquerda a pista que se dirixe á Serra de Pando. Entre carballos e tras varios zigzags alcánzase a Braña da Trapa. Ao norte desta obsérvase a Pena La Taberna (pero non hai cervexa nin bar).

En poucos minutos alcánzase a pista que percorre a liña cumbrera da Serra, lugar dende onde gozar da fermosa vista que ofrece a Reserva Natural Integral de Muniellos cara ao oeste e o Val do Naviego ao leste. O itinerario continúa en dirección sudeste ata chegar á Lagoa de Caldevilla, momento en que debe tomarse á dereita a pista que descende pola divisoria de augas do Cordal de Couronzo.

Sempre descendendo altura, alcánzase o miradoiro de Muxupena e en pouco tempo máis a aldea de Villar de Pousada, punto onde nos recollerá o bus. Voltaremos a Pousada de Rengos para tomar o refrixerio antes de subir ao bus para facer o camiño de volta a casa en dirección a Degaña e Villablino.

« Voltar