Ruta Transcantábrica

Nesta páxina poderás consultar a información xeral desta ruta por etapas.

Como ben sabedes todos os que levades anos con nós, O Carroucho foi precursor en percorrer o litoral da costa atlántica galega na súa totalidade, percorrido que fomos facendo en etapas repartidas ao longo de varios anos.

Como xa se anunciou dende o principio da tempada, este ano comezamos un novo reto, percorrer nesta ocasión o litoral da costa cantábrica, co que poderemos dicir que somos dos poucos clubs, senón o único, que terá no seu haber o ter percorrido na súa totalidade o litoral galego.

O percorrido que comezamos agora denominámolo “Ruta Transcantábrica”. Unha ruta esixente pero moi gratificante co esforzo, cunha máis que interesante contorna paisaxística digna de ser desfrutada e que esperamos goste á maioría de vós.

Esta ruta polo percorrido que ten, farémola en varias etapas, oito en total. Etapas mensuais que iremos intercalando co resto das rutas programadas. Desexamos que poidades facer todo o percorrido xa que desta maneira poderedes desfrutar ao máximo desta preciosa costa. Sendo conscientes do esforzo e compromiso que supón poder facer todas as etapas e, polo tanto, toda a ruta, queremos premiar dalgún xeito cun recordo a todos aqueles que completen todas as etapas.

Para iso vimos de confeccionar unha tarxeta que entregaremos a cada persoa ao inicio da súa primeira etapa e que iremos cuñando ao rematar cada unha delas. Deste xeito quedaravos constancia daqueles tramos que lograstes rematar. Ao rematar toda a ruta, para aqueles que teñan cuñadas todas as etapas, teremos un obsequio especial para deixar constancia do seu esforzo.

Con isto, como sempre, tan só pretendemos compartir e desfrutar con algo que nos une a todos nós. A natureza!

Aquí tedes o perfil completo do percorrido:

As etapas en que está dividido este percorrido son as seguintes:

Tramo Dist (km) D.Pos. (m) D.Neg. (m)
Ribadeo-Benquerencia 23 283 321
Benquerencia-Fazouro 23 392 387
Fazouro-Burela 23 502 507
Burela-San Cibrao 25,1 706 787
San Cibrao-Viveiro 25,1 869 875
Viveiro-O Vicedo 23,1 863 855
O Vicedo-O Barqueiro 24,4 1020 951
O Barqueiro-Ortigueira 22,5 746 791
TOTAIS: 189,2 5381 5474